|
Número 05 Maio |
Xornada Partenariados Horizonte Europa
A Axencia Galega de Innovación organiza o vindeiro 19 de xuño unha xornada informativa orientada a achegar as novidades e as novas convocatorias dos Partenariados europeos de Horizonte Europa ás empresas e axentes galegos. Estes instrumentos, impulsados por axencias nacionais e rexionais para financiar a I+D+I en obxectivos complexos, serán analizados en detalle tanto para as convocatorias abertas actualmente como para as previstas de cara a 2026. O evento contará coa participación de Verónica Estruch e Héctor González, Puntos Nacionais de Contacto do CDTI, quen presentarán o programa e manterán reunións bilaterais coas entidades interesadas en participar.
Ler máisAberta a convocatoria danesa Pathways to Net-Zero para financiar proxectos de innovación agroalimentaria sostible
O clúster danés Food & Bio Cluster Denmark acaba de lanzar unha nova convocatoria de axudas cun orzamento global de 88 millóns de coronas danesas destinado a proxectos que aceleren a transición do sector agroalimentario cara ás emisións netas cero. A iniciativa apoiará propostas innovadoras cun investimento mínimo de 3 MDKK por proxecto en ámbitos clave como a redución de metano gandeiro, as dietas ricas en plantas, a mellora agrícola sostible e as proteínas alternativas. As pemes galegas interesadas en cooperar con socios internacionais teñen de prazo ata o 30 de setembro de 2026 para presentar as súas solicitudes tendo en conta que a empresa coordinadora ten que ser obrigatoriamente danesa.
Máis informaciónConvocatoria internacional de proxectos de investigación en robótica baseada en Intelixencia Artificial
Aberto o prazo de inscrición para a convocatoria conxunta do programa internacional EIG Concert-Japan, titulada "AI-Powered Robotics for Real-World Applications". Esta liña de axudas, que conta cun orzamento global de 6,4 millóns de euros, está destinada a financiar proxectos de investigación colaborativa entre equipos do Xapón e Europa (incluíndo España a través da Axencia Estatal de Investigación). O obxectivo é desenvolver solucións robóticas intelixentes e autónomas para contornas reais que respondan a retos sociais actuais. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 22 de xullo de 2026.
Máis informaciónAberto o prazo para a Convocatoria Transnacional Eureka Lightweighting 2026 sobre deseño e fabricación lixeira
Atópase aberta a convocatoria internacional Eureka Lightweighting 2026, destinada a financiar proxectos de investigación e desenvolvemento orientados ao deseño e fabricación con materiais lixeiros e economía circular. O prazo para a presentación de proxectos remata o 8 de outubro de 2026 ás 17h. No ámbito español, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) encárgase da cofinanciación dos custos de I+D para pemes e grandes empresas, achegando ata o 85% dos custos subvencionables cun orzamento mínimo por empresa de 175.000 euros. As empresas españolas interesadas deberán presentar unha solicitude formal previa a través da sede electrónica do CDTI como data límite o 2 de outubro de 2026.
Máis informaciónAberta a convocatoria do programa Eurostars-3 (Call 11) para pemes innovadoras
O programa Eurostars, unha iniciativa conxunta da Rede Eureka e da Comisión Europea, mantén aberta a súa undécima convocatoria para financiar proxectos internacionais de investigación e desenvolvemento (I+D) orientados ao mercado. Esta liña de axudas diríxese especificamente a pequenas e medianas empresas innovadoras que lideren consorcios transnacionais formados por, polo menos, dúas entidades independentes de dous países participantes no programa. En España, o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) encárgase da xestión e da concesión das subvencións, as cales poden alcanzar os 400.000 euros por socio (limitado ao 60% do orzamento financiable para pequenas empresas e ao 50% para medianas empresas). As entidades interesadas en presentar as súas solicitudes para esta convocatoria dispoñen de prazo ata o vindeiro 10 de setembro de 2026 ás 14:00 horas
Máis informaciónMaritime Business Week 2026 reunirá en Constanza empresas e entidades do sector marítimo e loxístico do 16 ao 18 de xuño
Data: Do 16/06/2026 ata 18/06/2026
Maritime Business Week 2026 celebrará a súa quinta edición en Constanza (Romanía) cun formato orientado ao diálogo directo, ás reunións B2B e á cooperación empresarial internacional. O encontro reunirá empresas dos ámbitos marítimo, portuario, naval, transporte, loxística e tecnoloxías dixitais, xunto con autoridades portuarias, organizacións internacionais e entidades de apoio empresarial, no marco da Enterprise Europe Network
Ver detallesO Congreso EBN 2026 reunirá en Italia os principais axentes de innovación para impulsar o desenvolvemento empresarial humanocéntrico
Data: Do 17/06/2026 ata 19/06/2026
O Congreso EBN 2026 celebrarase do 17 ao 19 de xuño na rexión de Trentino (Riva del Garda e Rovereto), en Italia, baixo o lema "Human-Centric Innovation". Este evento internacional constituirá o maior punto de encontro para incubadoras, aceleradoras e centros de innovación europeos, sumando máis de 300 asistentes de 37 países. Ao longo de tres xornadas, as sesións abordarán casos prácticos sobre a aplicación industrial da intelixencia artificial e a robótica enfocadas ao benestar laboral, novos modelos para os centros de innovación e estratexias ESG (ambientais, sociais e de gobernanza) como motores de competitividade sustentable para as empresas.
Ver detallesA Xunta apoia con 1,6 M€ a continuidade do centro mixto de investigación da Universidade da Coruña, Navantia e STGO para avanzar no estaleiro do futuro
A Xunta de Galicia apoiará con 1,6 millóns de euros a nova fase de consolidación do centro mixto de investigación impulsado pola Universidade da Coruña, Navantia e STGO para avanzar na transformación dixital do sector naval galego. O proxecto, que estará en marcha ata 2028, centrará os seus esforzos no desenvolvemento de xemelgos dixitais, a aplicación de tecnoloxías como a intelixencia artificial e a realidade virtual e o impulso de produtos e servizos intelixentes. Desde a súa creación en 2015, esta alianza mobilizou 12,7 millóns de euros e consolidouse como a colaboración universidade-empresa máis lonxeva apoiada pola Xunta no ámbito da I+G+i.
Ler máisGalicia impulsa o programa Talentgal para atraer talento investigador internacional
A Xunta de Galicia puxo en marcha o programa Talentgal, unha iniciativa destinada a captar 40 investigadores posdoutorais internacionais para incorporarse á Rede CIGUS das universidades galegas. O proxecto, financiado parcialmente polo programa europeo Marie Sklodowska-Curie Cofund, busca reforzar o posicionamento de Galicia como referente europeo en I+D+i en ámbitos estratéxicos como a biotecnoloxía, a medicina, as TIC ou as ciencias mariñas, apostando pola excelencia científica e pola internacionalización do ecosistema investigador galego.
Ler máisGalicia crea o primeiro gran censo integral do patrimonio marítimo da súa costa
Un equipo da Universidade da Coruña participou na elaboración do primeiro censo integral do patrimonio marítimo inmoble de Galicia, unha investigación pioneira impulsada no marco do Plan da Cultura Marítima. O inventario recompila edificios, infraestruturas e espazos vinculados á historia marítima galega co obxectivo de documentar, protexer e poñer en valor unha parte esencial da identidade cultural da comunidade, desde antigas conserveiras e diques secos ata pequenos peiraos e casetas mariñeiras.
Ler máisSOLUCIÓNS DE IDENTIFICACIÓN UNITARIA PARA O RETORNO DE ENVASES ALIMENTARIOS
Procúranse socios tecnolóxicos para o desenvolvemento e implementación dun sistema de identificación única destinado a envases alimentarios reutilizables. A proposta, liderada por unha peme dinamarquesa, céntrase en eliminar as etiquetas adhesivas mediante o uso de tecnoloxías de visión artificial ou marcado de superficie integrados en materiais compostos (WPC). O sistema debe ser compatible coa lectura a través de teléfonos intelixentes e dispositivos industriais, garantindo a súa operatividade tras ciclos intensivos de lavado a altas temperaturas e uso en fornos e microondas. Procúranse entidades con capacidade para licenciar tecnoloxía e dar soporte técnico na súa integración.
ContactarSISTEMAS DE IA E LÁSER PARA A DETECCIÓN ULTRAPRECISA DE MALEZA EN AGRICULTURA
Procúranse socios tecnolóxicos, tanto pemes como centros de investigación, para participar nun proxecto Eurostars liderado por Dinamarca. A proposta céntrase no desenvolvemento dunha solución robótica que emprega visión artificial avanzada para a detección de maleza a escala submilimétrica e a súa neutralización mediante láser. Requírese experiencia acreditada en modelos preditivos para sistemas en movemento, IA embebida e validación de sistemas en contornas agrícolas reais para garantir a redución do uso de herbicidas.
ContactarSolucións innovadoras para o control de cheiros sen consumo enerxético
Procúranse socios tecnolóxicos e industriais para o desenvolvemento e escala de sistemas de desodorización pasiva de longa duración. A proposta céntrase na aplicación de novos materiais e recubrimentos en filtros que operen sen necesidade de fontes de enerxía externa, garantindo a eliminación de cheiros e o control antimicrobiano en ambientes pechados. O interese recae en entidades con capacidade para validar tecnoloxías en fases avanzadas de desenvolvemento e adaptalas para a súa fabricación masiva en sectores como o de electrodomésticos ou a conservación alimentaria.
ContactarRevolución xeométrica en maquinaria volumétrica: procúranse socios para consorcio de I+D
Procúranse organizacións de investigación e grandes empresas expertas en enxeñaría mecánica e triboloxía para incorporarse a un consorcio europeo en formación baixo o programa Horizon Europe. A proposta técnica céntrase no desenvolvemento dunha máquina volumétrica multicámara con xeometría esférica e selado microtexturado de alta eficiencia, aplicable a motores, bombas e compresores. Requírense entidades con capacidades de simulación avanzada (CFD/FEM), fabricación de compoñentes e acceso a bancos de probas para a validación do prototipo. Existe a oportunidade de asumir o rol de coordinador do proxecto para aquelas entidades con experiencia demostrada en xestión de fondos europeos. A data límite para a recepción de expresións de interese remata o 30 de xullo de 2026.
ContactarTecnoloxías de sensorización en liña para o control de efluentes en depuradoras
Procúranse socios tecnolóxicos e industriais con experiencia no desenvolvemento ou aplicación práctica de sensores en liña e sistemas de monitorización continua en tempo real para o control de augas residuais tratadas. Unha organización belga avalía a viabilidade de implantar estas tecnoloxías para complementar ou substituír parcialmente as analíticas de laboratorio convencionais en parámetros como TSS, COD, TOC e nitratos. O obxectivo da colaboración é compartir datos de operación en campo (mantemento, calibración, fouling) e validar metodoloxías que aseguren a correlación analítica e a fiabilidade esixida polas normativas ambientais aplicables
ContactarEficiencia dixitalizada: Solución IoT de Industria 4.0 para a optimización de liñas de embotellado
Procúranse socios tecnolóxicos ou comerciais para a implantación dunha avanzada tecnoloxía web deseñada para a monitorización automatizada de liñas de embotellado no sector de viños e bebidas. O sistema permite obter datos de proceso en tempo real de xeito directo desde a maquinaria da planta, eliminando o uso de papel, optimizando o consumo de enerxía e integrándose cos sistemas ERP corporativos existentes co fin de reducir os custos de fabricación e as mermas de produto. A colaboración vai dirixida a provedores de software de xestión ou a distribuidores técnicos con experiencia no sector industrial e vitivinícola que poidan colaborar na integración ou na comercialización desta tecnoloxía mediante un acordo comercial con asistencia técnica.
ContactarProcúranse socios tecnolóxicos e industriais para un proxecto europeo de reciclaxe química eficiente de residuos téxtiles mesturados
No marco do programa Horizonte Europa, procúranse socios para conformar un consorcio internacional dirixido á convocatoria HORIZON-CL6-2026-01-CIRCBIO-02. O proxecto está liderado por unha empresa tecnolóxica de Luxemburgo que desenvolveu unha solución patentada de quimiolise a baixa temperatura para a despolimerización de residuos téxtiles complexos e mesturas de materiais. Necesítanse incorporar entidades especializadas en tarefas de clasificación automatizada e trituración mecánica de téxtiles (fase upstream), así como empresas receptoras de produtos químicos (monómeros, metanol) ou recicladores mecánicos de fibras para a súa reintrodución na produción (fase downstream). O proxecto require ademais a participación dunha entidade que asuma o rol de coordinadora do consorcio.O prazo límite para expresar interese é o 12 de xuño.
ContactarProcúranse fabricantes de produtos finais sostibles para nova canle europea de comercialización
Procúranse socios industriais en Europa para colaborar nunha plataforma de comercio electrónico orientada a produtos finais de consumo elaborados con materiais eco-responsables. A proposta busca fabricantes, artesáns e fábricas con capacidade para adaptar deseños existentes ou desenvolver novas pezas en sectores como moda, marroquinería, xoiería, accesorios, papelería, oficina, decoración e outros produtos de estilo de vida. Valórase experiencia en materiais reciclados, bio-based, de orixe europea ou validados como sostibles, así como capacidade para prototipado, produción piloto e escalado.
Contactar