Ver versión en liña

Fallados os premios de Transferencia de Tecnoloxía e Xornalismo Científico da RAGC e Xunta

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, fallou os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2026, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento, e a undécima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026, que recoñece unha peza xornalística científica publicada ou emitida por un medio galego (ou edición galega dun medio estatal). Estes premios, xunto ao Premio RAGC de Divulgación Científica, entregaranse o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela.

Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
Premios_transferencia_tecnoloxia
O premio “Francisco Guitián Ojea”, dotado con 5.000€, que recoñece un traballo de investigación aplicada aínda non transferida, recaeu no proxecto que busca mellorar o tratamento do ictus isquémico, do Grupo Ictus Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado por Francisco Campos, en colaboración co Instituto de Investigación VHIR Vall d'Hebron de Barcelona.

Pola súa banda, o premio “Fernando Calvet Prats”, tamén dotado con 5.000€, a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o Grupo de Control non Liñal, integrado no departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. O proxecto galardoado está coordinado por Miguel Ramón Díaz-Cacho e a tecnoloxía desenvolta transferiuse á firma galega Actega Artística, con sede no Porriño, moi ligada ao sector conserveiro, dedicada ao deseño e fabricación de compostos selantes para envases metálicos, así como de equipamento de aplicación dos mesmos.
Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

O xurado acordou conceder o premio -dotado con 3.500 euros- á reportaxe “Os fármacos do centeo” da xornalista Teresa Rocamonde, emitida o 30 de abril de 2025 na Televisión de Galicia dentro da serie `Historias a pé de páxina´. Esta peza audiovisual narra a historia dos primeiros fármacos elaborados en Galicia con caruncho, un fungo do centeo utilizado pola medicina popular desde hai séculos.

A segunda peza mellor valorada -dotada con 1.500 euros- é a reportaxe titulada “Así es el «Google Maps» de los cirujanos” da xornalista Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, publicada en “La Voz de la Salud” -o portal de saúde, benestar e nutrición de La Voz de Galicia- o 16 de novembro de 2025. Amosa como o equipo de impresión 3D do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) deseña modelos tridimensionais para poder planificar e optimizar intervencións.
Acto de entrega
O acto de entrega dos premios terá lugar o 15 de abril ás 18:30 horas, no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela. Xunto a estes dous galardóns entregarase tamén o Premio RAGC de Divulgación Científica ao neurocientífico e divulgador científico Xurxo Mariño Alfonso pola súa ampla traxectoria dedicada á difusión do coñecemento científico. Precísase confirmación ata o 13 de abril neste enlace.

Novas

Ver todas

09 de Abril de 2026

Galicia amosa as capacidades do CESGA e o potencial da I+G+i ao ministro para a Transformación Dixital

Ler máis

25 de Marzo de 2026

O proxecto Interreg Europe PICOBELLO reúne ao seu grupo de interese para avanzar na aplicación da sustentabilidade, estética e inclusión no ámbito local

Ler máis

25 de Marzo de 2026

A Xunta impulsará a I+G+i nas pequenas e medianas empresas a través dunha nova liña de axudas dotada con 3 M€

Ler máis

Eventos

Ver todos
16
Abril
Novas convocatorias CL3 Seguridade Civil para a sociedade

pe_Xoves

Enderezo

Rúa Airas Nunes, S/N (Conxo) 15702 Santiago de Compostela

informa.gain@xunta.gal

Se non desexa recibir este boletín pode vostede darse de baixa pinchando neste enlace ou enviando un mail a informa.gain@xunta.gal dende a conta na que desexe anular a suscrición.