Ver a versión en liña

A Materioteca de Galicia cumpre seis meses de intenso labor de difusión de materiais innovadores

A Materioteca de Galicia celebra oos seus primeiros meses de traxectoria cun balance moi positivo e a perspectiva de consolidar e ampliar as súas actividades como instalación de referencia dos materiais innovadores para as empresas e profesionais do deseño galegos. Desde a súa apertura en xuño de 2019, xa son varias as colaboracións entre empresas e profesionais do deseño galegos que se teñen propiciado arredor dos materiais innovadores que se expoñen na instalación do CIS Tecnoloxía e Deseño, especialmente os creados en Galicia.

Que é a Materioteca de Galicia?

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa singular do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia. Promovida pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), é un espazo de difusión de materiais innovadores a disposición de empresas de todos os sectores, profesionais do deseño e centros de coñecemento. Nela combínase unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.

Na materioteca expóñense 150 materiais cedidos por Material Connexion Bilbao que xa foron renovados parcialmente nesta primeira etapa. A eles súmanse 20 materiais creados por empresas e centros de coñecemento galegos, unha cifra que se incrementará significativamente durante o vindeiro ano grazas a un labor intensivo de captación de novas mostras.

Balance do primeiro medio ano de existencia

Ao longo destes seis meses pasaron pola instalación máis de 300 persoas. Nalgúns casos concertáronse visitas individuais que se acompañaron de reunións entre empresas e profesionais do deseño e da emisión de informes personalizados sobre materiais en función das súas demandas.

Este traballo beneficiou xa a empresas e profesionais dos sectores forestal, téxtil, do deseño, da arquitectura e dos materiais. Un exemplo é a apertura de vías de colaboración entre a empresa francesa Roctool coa peme galega Betanzos HB e co Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG). A través da deseñadora Noemí Cortizas estanse a analizar aplicacións dos materiais creados por estas dúas entidades galegas cos sistemas de moldeado que desenvolve Roctool.

Durante os próximos meses intensificarase a organización de novos encontros entre os profesionais do deseño e as empresas para facilitar novos procesos de transferencia de tecnoloxía en materiais.

A Materioteca de Galicia organizou o mes pasado un workshop sobre packaging sustentable. Ademais, a instalación foi promocionada en diversos eventos, como o congreso de materiais MATCOM 19 ou a Semana Internacional Contract Galicia, e colaborou con EEN Galactea na difusión de varias ofertas de búsqueda de socios en Galicia para proxectos sobre materiais.

.

Novas

Ver todas

08 de Xaneiro de 2020

A Xunta reforzará o control da calidade das masas de auga en Galicia coa utilización de vehículos non tripulados que permitirán mellorar a preservación dos ecosistemas fluviais e costeiros

A Xunta de Galicia reforzará o control de calidade da masas de auga na comunidade coa utilización de vehículos non tripulados que permitirán a mellor preservación dos ecosistemas fluviais e costeiros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presenciaron hoxe as probas cun dron que tomou mostras no encoro de Eiras.
Ler máis

 

Logo_RIS3

 

Enderezo

Rúa Airas Nunes, S/N (Conxo) 15702 Santiago de Compostela

informa.gain@xunta.gal

 

Se non desexa recibir este boletín pode vostede darse de baixa pinchando neste enlace ou enviando un mail a informa.gain@xunta.es dende a conta na que desexe anular a suscrición.