A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina un total de 2,7 millóns de euros a este programa. O seu obxectivo é apoiar a implantación de plans de innovación en 38 empresas do tecido produtivo galego, en concreto, naquelas firmas de menor tamaño que precisan apoio para potenciar ou desenvolver a súa actividade innovadora a través do lanzamento de novos produtos ou servizos e a mellora dos seus procesos ou da súa organización.
Aínda que se apoian unha gran variedade de sectores, as firmas que reciben máis axudas pertencen aos ámbitos da enxeñería, a agroalimentación, os bens de equipo, a industria e a enerxía. Ademais, nestes 38 plans de innovación apoiados, que se desenvolverán ao longo de 18 meses, as pemes colaborarán con 61 organismos de investigación con sede en Galicia ou con empresas facilitadoras.
As axudas, coas que se prevé unha mobilización de 5,4 millóns de euros e o mantemento e creación de ao redor de 180 postos de traballo, perseguen mellorar a capacidade de innovación, aumentar a competitividade e o tamaño do mercado das empresas, así como potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e fomentar o investimento en I+D por parte das empresas. Así mesmo, buscan impulsar a xeración de ideas desde dentro, contribuíndo a sistematizar a innovación.