Ver a versión en liña

Novo programa de Doutoramento Industrial

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade convocarán proximamente unha nova liña de axudas para favorecer a contratación de 15 estudantes de doutoramento do Sistema Universitario Galego (SUG) en empresas e centros tecnolóxicos galegos para que poidan desenvolver a súa tese doutoral nunha contorna empresarial. Este novo programa está dotado con 1,89 millóns de euros para continuar apostando polo talento e a a creación de emprego de calidade.

O Consello da Xunta do pasado 9 de setembro aprobou a convocatoria conxunta dun novo Programa de Doutoramento Industrial, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 

Este programa, dotado con 1,89 millóns de euros, favorecerá a contratación de 15 estudantes  de doutoramento do Sistema Universitario Galego (SUG) en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia para que poidan desenvolver a súa tese doutoral nunha contorna empresarial.

Requisitos e destinatarios

O persoal investigador debe matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ser contratado por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía. O seu traballo de investigación industrial debe orientarse á resolución de necesidades e problemas concretos dunha empresa ou centro tecnolóxico, favorecendo, deste xeito, a investigación colaborativa e os procesos de transferencia de coñecemento, así como a formación da mocidade investigadora e a súa inserción laboral e mobilidade.

As axudas están destinadas tanto a empresas e centros de innovación e tecnoloxía como a universidades galegas e inclúen, entre outros, os custos da contratación, gastos relacionados co proxecto, así como unha axuda para a realización dunha estadía de tres meses no estranxeiro. 

As axudas deberán ser solicitadas conxuntamente por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía de acordo cunha universidade, exclusivamente de forma telemática. Presentarase unha única solicitude por parte da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía.  Así mesmo, so poderá presentarse unha solicitude por cada proxecto de investigación industrial. Cada persoa poderá ir como candidata unicamente nunha solicitude.  

O persoal investigador a contratar deberá matricularse nun Programa de Doutoramento dunha universidade do SUG. As empresas e centros de innovación e tecnoloxía deben designar a un responsable da supervisión da tese e da realización do proxecto de doutoramento industrial correspondente. Pola súa parte, as universidades do SUG deberán designar a persoa directora académica da tese doutoral. 

En calquera caso, deberá formalizarse un contrato predoutoral industrial cunha duración non inferior a 1 ano nin superior a 3.

Entre os criterios de valoración das propostas, están os ligados ao propio proxecto de investigación industrial, tales como obxectivos, metodoloxía ou transferencia de resultados; a adecuación ás liñas estratéxicas da RIS 3; ou cuestións vinculadas ao perfil do candidato

Está prevista  a publicación este Programa no DOG a principios do mes de outubro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contará a partir do día seguinte ao de publicación da orde no DOG.

Outras axudas

Este programa vén completar as medidas que a Xunta está poñendo en marcha co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da I+D+i para fortalecer a colaboración entre universidades, empresas e centros tecnolóxicos e permitir a transferencia dos resultados ao tecido empresarial. Entre outros, destacan os programas Principia, Oportunius, Talento Sénior, Ignicia e os programas de apoio predoutoral e posdoutoral.

Apoio predoutoral e posdoutoral

648

5

49

120

175 contratos/2021

 

Convocatorias de I+D+i

A Xunta de Galicia conta cunha páxina web, www.nextgenerationgalicia.gal, na que inclúe información actualizada sobre estes instrumentos financeiros mobilizados pola Unión Europea co obxectivo de acelerar os programas de reformas e investimentos nos próximos anos.  Nela dispós dunha sección dedicada a convocatorias abertas, ademais de novas, normativa e eventos, entre outra información de interese.

Novas

Ver todas

15 de Setembro de 2021

A Xunta reitera o seu compromiso coa transformación dixital e ecolóxica do tecido produtivo

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada en liña Competitividad y digitalización: una hoja de ruta para nuestra industria organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

Ler máis

13 de Setembro de 2021

Conde avanza que dez candidaturas optan a ser socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia durante os vindeiros cinco anos

 O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), xa recibiu un total de dez propostas para ser novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia durante os vindeiros cinco anos. Así o adiantou durante a clausura do IV Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial (CIAG), organizado polo Consorcio Aeronáutico Galego.

Ler máis

10 de Setembro de 2021

A Xunta avanza na estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 coas achegas do Consello Económico e Social de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nunha sesión da Comisión sectorial nº 1 do Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) para presentar os avances realizados no proceso de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 e contrastar cos membros deste órgano consultivo os resultados do traballo realizado ata a data para seguir avanzando así na definición da iniciativa.

Ler máis

Eventos

Ver todos
21
Setembro

Dixitalización 3D: do mundo físico ao dixital

A dixitalización 3D (ou escaneado 3D) consiste na obtención de formas e cores das superficies dun obxecto ou contorna, creando así unha réplica dixital. Esta tecnoloxía leva algúns anos dispoñible, pero o aumento da capacidade de cómputo e almacenamento, a dixitalización en xeral, e o uso de aplicacións 3D en particular, tivo como consecuencia un maior uso da dixitalización 3D paralelamente á baixada de custos de equipos e software.

Ler máis
22
Setembro

Solucións nanotecnolóxicas orientadas ao mercado

A Axencia Galega de Innovación, en calidade de coordinador do proxecto, organiza o evento virtual ''SOLUCIÓNS NANOTECNOLÓXICAS ORIENTADAS AO MERCADO'', que terá lugar o mércores 22 de setembro, de 10:00 a 12:00 CET, como xornada de peche do proxecto NANOEATERS. Este evento ten por obxectivo dar a coñecer cómo a nanotecnoloxía pode axudar ás empresas de sectores como o agroalimentario, a acuicultura, o medio ambiente, a automoción ou a saúde.

Ler máis
pe_Xoves

Enderezo

Rúa Airas Nunes, S/N (Conxo) 15702 Santiago de Compostela

informa.gain@xunta.gal

 

Se non desexa recibir este boletín pode vostede darse de baixa pinchando neste enlace ou enviando un mail a informa.gain@xunta.es dende a conta na que desexe anular a suscrición.