Ver a versión en liña

II edición do programa de Doutoramento Industrial

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, por medio da Axencia Galega de Innovación, e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocan a segunda edición das axudas para Doutoramento Industrial. Este apoio permitirá a contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos galegos para desenvolver a súa tese doutoral.

Requisitos
O persoal investigador debe matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ser contratado por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía. O seu traballo de investigación debe orientarse á resolución de necesidades e problemas concretos dunha empresa ou centro tecnolóxico favorecendo, deste xeito, a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento.
Obxectivos
  • Continuar apostando polo talento en I+D e a creación de emprego de calidade.
  • Favorecer a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento entre a universidade e as empresas e centros de innovación e tecnoloxía.
  • Posibilitar que a empresa incorpore persoal cualificado durante o período de formación doutoral.
  • Estimular a incorporación de personal doutor ao tecido produtivo.
Destinatarios
Empresas e centros de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia. Universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Estas axudas deberán ser solicitadas por unha empresa ou un centro de innovación e tecnoloxía de acordo cunha universidade.

Custos subvencionables
A) Para as empresas ou centros tecnolóxicos:

1. Custos para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial:

  • Custos de contratación da persoa doutoranda. O importe máximo de cada axuda é de 24.000€/ano por contrato, cunha duración non inferior a 1 ano nin superior a 3.
  • Complemento de 1.000€/ano por axuda para cubrir os gastos asociados á contratación e o seguro durante o período de estadía.
  • Outros gastos relacionados co proxecto de doutoramento industrial: ata un máximo de 5.000€/ano.

2. Axuda para a realización de estadías no estranxeiro de tres meses de duración co obxectivo de contribuír á formación da persoa doutoranda. O seu importe máximo será de 6.000€.

B) Para as universidades do SUG:
  • O importe máximo da axuda concedida á universidade para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial será de 10.000€/ano.
Aposta pola captación e retención de talento
Este programa completa as medidas que desde o Goberno galego se están poñendo en marcha co obxectivo de captar e reter talento, ademais de crear emprego de calidade no eido da investigación e a innovación:
  • Talento Sénior: incorporáronse 47 profesionais cualificados a actividades de I+D+i no ecosistema galego (30 en empresas e 17 en centros de coñecemento) desde o ano 2018.
  • Principia: téñense apoiado 627 contratos de menores de 35 anos desde 2016.
  • Oportunius: 9 contratos a gañadores ERC e apoio a outros 25 finalistas.
  • Ignicia: permitiu crear ou manter 146 postos de traballo.
  • Programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral: dotados este 2022 con 18,84 M€, e suman en total 151 axudas.
A primeira convocatoria de Doutoramento Industrial xa permitiu a contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos de Galicia.
Prazo de presentación
Está prevista a publicación deste Programa no DOG a principios do mes de agosto. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación da orde no DOG.

Novas

Ver todas

15 de Xullo de 2022

A Xunta ten en execución 30M€ no polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, que aspira a multiplicar por cinco este investimento a través dos fondos europeos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que xa ten en execución 30M€ e aspira a multiplicar por cinco este investimento, ata os 150M€, se obtén fondos europeos.
Ler máis
pe_Xoves

Enderezo

Rúa Airas Nunes, S/N (Conxo) 15702 Santiago de Compostela

informa.gain@xunta.gal

 

Se non desexa recibir este boletín pode vostede darse de baixa pinchando neste enlace ou enviando un mail a informa.gain@xunta.es dende a conta na que desexe anular a suscrición.