O coronavirus creou un novo contexto social que nos obriga a repensar a maneira de relacionarnos, tanto no ámbito privado como no público. Este novo contexto tamén afecta ao noso tecido empresarial, que precisa novas ideas para adaptarse e garantir a seguridade das persoas.
Con este motivo, nace en Galicia o primeiro hackaton virtual, promovido pola Xunta de Galicia, que propón unir, de forma remota, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación para desenvolver novas ideas de produtos ou servizos e así axudar á industria, ao comercio e ao emprego a construír unha nova realidade.
Este evento está dirixido a programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, empresas e, en definitiva, a calquera persoa que crea que traballando en equipo e colaborando podemos chegar a pensar e empezar a construír solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios que nos esperan.