Pola mañá, está previsto un coloquio virtual dende centros educativos por multiconferencia con varias mulleres emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante poderá coñecer o seu día a día, preguntar calquera dúbida sobre este eido profesional ou as motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido.
As participantes nesta edición son: María José Durán, enxeñeira informática e fundadora da tenda online Potingues Verdes; Ana Cidre, unha Women Techmaker Lead de Google, organizadora da GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech; Susana Rey, enxeñeira en telecomunicacións e delegada de Protección de Datos do Grupo Euskaltel; e Cecilia Grela, enxeñeira informática, máster en Consultoría en Software Libre e desarrolladora de software en proxectos de I+D+i (entre outros ICT-Go-Girls!) e formadora en TIC.
Pola tarde, haberá unha xornada de portas abertas con actividades e visitas ao centro para rapazas e rapaces de entre 10 a 14 anos. Haberá demostracións e talleres de robótica, impresión 3D, Realidade Aumentada e Virtual, Arte dixital…
Nesta iniciativa, ademais da Xunta de Galicia, colaboran o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia (GalsTech).